Monday 29 de April de 2024

Celebradas novas reunións das mesas de traballo sobre coordinación interistitucional contraa a violencia de xénero


O Concello agradece a colaboración de todos os profesionais dos sectores representados.

Hoxe celebrouse unha nova reunión da mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino. Estivo copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao. Tamén participaron a concelleira de Muller, Rocío López; técnicos municipais dos departamentos de Igualdade e de Servizos Sociais; representantes dos equipos directivos e orientadoras dos centros de ensino (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión); a xefa de servizo, a pediatra e a enfermeira de pedriatría do centro de saúde da Laracha; e o comandante de posto da Garda Civil da Laracha, Miguel Rodríguez.

O fin transversal dos asuntos abordados na xuntanza consistiu no reforzamento das liñas de actuacións concretas entre os profesionais de todos os sectores representados para ofrecer ás vítimas unha atención inmediata, integral e de calidade.

Para iso, entre outros contidos, foron analizados casos de violencia de xénero e situacións de vulnerabilidade, e repasáronse os mecanismos de coordinación desas actuacións mediante a exposición de casos reais.

Ademais, consensuouse a realización dunha actividade formativa a cargo de persoal municipal do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e do departamento de Servizos Sociais para que os profesionais da área sanitaria teñan coñecemento de todos os recursos públicos que están a disposición das vítimas, así como propostas de formación para os centros de ensino sobre detección de casos de violencia de xénero no ámbito educativo.
Mesa de coordinación policial
Nesta semana tamén se celebrou unha reunión da mesa sectorial na que participan membros do Concello e das forzas e corpos de seguridade, neste caso contándose con representación da Garda Civil, da Policía Local e do equipo Viogén do posto de Carballo.
Neste caso os principais asuntos a tratar consistiron na revisión das ordes de protección e das altas e baixas do programa ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero.
Ademais, acordouse que os profesionais das forzas e corpos de seguridade reciban unha formación xurídica específica sobre a recepción de denuncias e a instrución de dilixencias ante a detección de posibles casos desa natureza.
Coordinación interprofesional
Unha vez máis o Concello agradece a colaboración a todos os sectores profesionais que teñen representación nas dúas mesas sectoriais sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero para favorecer a cooperación ante esta problemática social e para optimizar a atención integral ás vítimas e a prevención ante situacións de vulnerabilidade.